Presentación de Julio Abalde como candidato ás eleccións á Reitoría
Presentación candidatura

Presentación de Julio Abalde como candidato ás eleccións á Reitoría

Hoxe publícase a resolución de convocatoria de eleccións á Reitoría da Universidade da Coruña para o próximo 4 de decembro. Estou aquí para anunciar publica e oficialmente que, cando se abra o prazo, me presentarei á reelección a Reitor encabezando a candidatura promovida por Nova Luce, un grupo aberto e diverso de profesores e profesoras, que teñen como denominador común a súa defensa dunha universidade pública, galega e de calidade. Un grupo que leva desenvolvendo o labor de goberno na UDC nos últimos anos, un labor baseado no consenso, no diálogo e na pluralidade, asentado en principios exclusivamente académicos e universitarios, cunha visión progresista e integradora da universidade.

A miña decisión é tamén unha decisión colectiva apoiada nunha proposta programática renovada, coherente e realista, e parte da experiencia de goberno acumulada nun mandato que deixou patente os nosos compromisos e as nosas prioridades:

  1. O mantemento, a estabilización e a promoción do profesorado e do persoal de administración e servizos.
  2. O incremento das bolsas, as axudas e os servizos para o estudantado, coa apertura da residencia universitaria pública Elvira Bao no campus da Coruña.
  3. A docencia de calidade, a internacionalización e a modernización das nosas titulacións, coa implantación de novos títulos, dobres titulacións con universidades estranxeiras, modalidades duales e axudas para realizar a tese no estranxeiro.
  4. O impulso da investigación e da transferencia, apoiada no esforzo e no traballo do persoal docente e investigador, que nos levou a un mellor posicionamento nos ránkings, a definir os campus de especialización, a consolidar programas propios de atracción de talento (o programa Intalent UDC-INDITEX) e a lograr importantes avances en convocatorias competitivas (a Starting Grant e a Ramón y Cajal, por exemplo).
  5. A responsabilidade social, co compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade, e a promoción dunha vida saudable como piares fundamentais. Unha responsabilidade baseada no compromiso activo coa loita contra calquera discriminación, contra o acoso por razón de xénero ou de orientación sexual, e na defensa da igualdade de homes e mulleres.
  6. O traballo para impulsar e desenvolver proxectos que reafirman a función central da UDC no progreso social e económico da nosa contorna, como a Cidade das TIC na Coruña e o Centro de Investigación en Industria Intelixente en Ferrol.

Preséntamonos contentos co labor desenvolvido mais conscientes do traballo que queda por facer. Como universitarios, como universitarias, temos unha visión crítica da nosa xestión, que nos permite adaptar as nosas propostas aos cambios constantes que se producen na sociedade, desde a consciencia de que debemos ser non só referentes académicos e científicos, senón tamén dos valores humanísticos, sociais e culturais, arraizados na defensa da nosa lingua e da nosa cultura.

A nosa proposta programática será resultado da nosa experiencia de goberno, mais tamén das ideas recollidas nas visitas aos centros nos últimos catro anos, e das achegas que desde todos os sectores da comunidade universitaria se queiran propor a partir de hoxe a través da nosa web (julioabalde.udc.gal).

Moitas grazas pola vosa presenza.

Cerrar menú