Abalde defende na presentación de equipo un modelo de universidade pública de calidade e galega que facilite o acceso ao estudantado
Equipo de goberno de Abalde para que a UDC lidere a transformación social

Abalde defende na presentación de equipo un modelo de universidade pública de calidade e galega que facilite o acceso ao estudantado

O candidato a reitor Julio Abalde presentou esta mañá na Facultade de Dereito a súa proposta de equipo de goberno para o vindeiro mandato.

Discurso de Julio Abalde:

“Bo día, amigos e amigas, membros da comunidade universitaria,

Quero dar as grazas ao Decano da Facultade de Dereito, José Antonio Seoane, por exercer de anfitrión neste acto e a José Manuel Busto polas súas amables palabras de presentación. Penso que deixou ao lado a imparcialidade que asociamos co Dereito para inclinar a balanza do lado da amizade.

E agradezo a todas as persoas presentes a súa compañía neste acto de presentación da candidatura de Nova Luce, unha tradición que se repite cada catro anos.

Como é normal en democracia, estamos ás portas dun novo proceso electoral, que a través da participación nos permite elexir o equipo que deberá xestionar a Universidade da Coruña na próxima lexislatura. Eu preséntome como candidato a reitor, mais o verdadeiramente importante é o equipo que me acompaña e, sobre todo, o modelo de universidade que defendemos. Como candidatos de Nova Luce temos unha proposta clara, a que vimos desenvolvendo nestes últimos anos, reiteradamente avalada pola nosa comunidade universitaria.

Queremos que a UDC siga a ser unha universidade pública de calidade e galega, na que se facilite o acceso ao estudantado, que estea financiada con fondos públicos suficientes, innovadora para liderar o cambio social desde os principios de igualdade e de xustiza social. Unha universidade que ofreza formación de calidade aos seus estudantes, punteira na investigación, que xere respecto na sociedade, que apoie a promoción profesional para todo o seu persoal.

Como dixen no momento de facer pública a miña decisión de presentarme ás eleccións, temos unha proposta programática renovada, coherente e realista, que parte da experiencia de goberno acumulada nun mandato que deixou patentes os nosos compromisos e as nosas prioridades. Preséntamonos como orgullosos herdeiros do traballo feito mais conscientes do traballo que queda por facer: temos unha visión crítica da nosa xestión, que nos permite adaptar as nosas propostas aos cambios constantes que se producen na sociedade. Esa é a clave do éxito de Nova Luce. Temos tamén consciencia de que debemos ser non só referentes académicos e científicos, senón tamén de valores humanísticos, sociais e culturais, arraizados na defensa da nosa lingua e da nosa cultura.

Hai catro anos presentámonos neste mesmo Salón de graos co lema ‘Novos retos, novas ideas’. Moitos deses retos son agora realidades mais temos que seguir traballando para que a nosa universidade responda aos cambios sociais e tecnolóxicos. Por iso temos que seguir ‘Sumando ideas’ para que a nosa universidade lidere a vertixinosa transformacion social que estamos a experimentar.

Sumando ideas e sumando persoas, porque o noso é un programa para toda a comunidade universitaria, contando con todas as persoas que conforman a UDC, unha institución á que nos sentimos orgullosos de pertencer. Para seguir sumando presentaremos o próximo día 25 un programa ambicioso e realista, redactado despois de moitas reunións, charlas, contactos e entrevistas abertas e participativas cos membros da comunidade universitaria nos últimos catro anos. Mais hoxe querería adiantarvos, moi brevemente; algúns dos seus puntos principais:

 

1. A continuidade na aposta polas melloras na docencia, na renovación dos títulos e nos medios postos a disposición do profesorado.

2. Seguiremos a coidar as carreiras profesionais a través da estabilización e da promoción. No caso do profesorado, a través da CRUE, impulsaremos medidas para facilitar procesos de acreditación do profesorado racionais; e redefiniremos a dedicación na liña do avanzado no borrador do estatuto do PDI.

3. Incrementaremos o atractivo da UDC como destino para o estudantado, facilitando información constante través de novas ferramentas, non só de aspectos académicos, tamén das posibilidades profesionais e da empregabilidade. Manteremos e, se é posible, incrementaremos as axudas destinadas ao estudantado.

4. Apoiaremos o labor dos nosos grupos de investigación. Crearemos unha oficina de proxectos internacionais, implementaremos a tramitación electrónica para a xestión de convocatorias e crearemos unha oficina para facilitar a xestión administrativa dos proxectos de investigación.

5. Intensificaremos a relación da UDC co tecido empresarial: a posta en marcha da Cidade das TICs na Coruña e do Instituto de Industria intelixente en Ferrol suporán un decidido impulso neste sentido.

6. Promoveremos unha xestión administrativa innovadora e eficiente a través da administración electrónica co obxetivo da eliminación do papel como soporte. E a través dunha nova RPT e dos planos formativos precisos axilizaremos a carga burocrática do traballo do PDI e do PAS.

7. No ano 2020 temos por diante a negociación dun novo plan de financiamento. De xeito construtivo, mais con firmeza, reclamaremos un financiamento axeitado á estrutura e ás necesidades da universidade.

8. Continuaremos abríndonos á sociedade. Intensificaremos a colaboración con concellos e diputacións, con institucións e empresas, co mundo da cultura e do deporte. A UDC quere participar activamente nos grandes debates sociais (a sustentabilidade, os dereitos sociais das minorías, a igualdade de xénero etc.) con capacidade para achegar respostas. E estenderemos o noso compromiso coa implantación de itinerarios docentes específicos en galego.

9. Estenderemos a internacionalización de todos os servizos e os Centros, reforzando os servizos internacionais, fomentando medidas de internacionalización no PAS que teñan efectos na súa carreira profesional, incrementado a oferta de titulacións plurilingües e internacionais e mellorando o sistema de recoñecemento para o profesorado que imparte docencia en inglés.

10. Como institución pública temos un compromiso coa sociedade que se debe pór de manifesto na defensa de valores como a igualdade de xénero, a promoción de estratexias de saúde ambiental ou a accesibilidade universal a través de medidas específicas que os integren no día a día da comunidade universitaria.

 

Nesta nova etapa teño a satisfacción de que me acompañe a maior parte do grupo de compañeiros e compañeiras que iniciou esta aventura hai catro anos. Quero darlles publicamente as grazas polo seu traballo, máis especialmente a Araceli e a Marga, que non continuarán nesta nova etapa. Para min foi unha honra compartir convosco as responsabilidades de goberno.

Hoxe estou aquí para presentar publicamente a candidatura que, de saír electo, me acompañará nos próximos catro anos no traballo diario: un equipo equilibrado, plural e cohesionado, con experiencia na xestión, e que constitúe unha mostra excelente do nivel académico e investigador da nosa universidade.

Preséntovos aos compañeiros e compañeiras de candidatura, e pídolles que se vaian achegando:

REITOR

Julio Abalde Alonso. Catedrático de Microbioloxía. Facultade de Ciencias.

Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia

Salvador Naya. Catedrático de Estatística e Investigación Operativa. Escola Politécnica Superior

Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente

Nancy Vázquez Veiga. Profesora Titular de Lingüística Xeral. Facultade de Filoloxía.

Vicerreitoría de Profesorado e Planificación Docente

Alberto Valderruten Vidal. Profesor Titular de Ciencias de Computación e Intelixencia artificial. Facultade de Informática.

Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación

Pilar García de la Torre. Profesora Titular de Psicoloxía. Facultade de Ciencias da Educación.

Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica

Domingo Calvo Dopico. Profesor Titular de Comercialización e Investigación de Mercados. Facultade de Economía e Empresa.

Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade

María José Lombardía Cortiña. Profesora Titular de Estatística e Investigación Operativa. Facultade de Informática.

Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade

Amparo Casares Gallego. Profesora Contratada Doutora de Proxectos Arquitectónicos. Escola Técnica Superior de Arquitectura.

Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte

Cristina López Villar. Profesora Contratada Doutora. Ciencias da Actividade Física e Deportes. Facultade de Ciencias do Deporte.

Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social

María Jesús Movilla Fernández. Profesora Titular de Ciencias da Saúde. Facultade de Enfermería e Podoloxía.

Secretaría Xeral

Carlos Aymerich Cano. Profesor Titular de Dereito Administrativo. Facultade de Dereito.

A eles e a elas, moitas grazas pola vosa xenerosidade. A todas as persoas presentes, moitas polo voso tempo e polo voso apoio. Estou certo de que, coa vosa colaboración, imos ter un excelente resultado o vindeiro día 4 de decembro”.

Cerrar menú