Julio Abalde presenta un programa renovado, coherente e realista para a expansión da Universidade da Coruña

Julio Abalde presenta un programa renovado, coherente e realista para a expansión da Universidade da Coruña

O candidato a reitor Julio Abalde presentou esta mañá o seu Programa electoral para as eleccións a Reitor da Universidade da Coruña que terán lugar o vindeiro día 4 de decembro.

Texto da presentación:  

“Hai catro anos  a comunidade universitaria deunos a súa confianza para liderar a Universidade da Coruña cun programa de defensa dunha universidade pública galega que pensa no profesorado e o persoal de administración e servizos, que facilita o acceso ao estudantado e está financiada con fondos públicos suficientes, unha reivindicación dos principios de igualdade de oportunidades e da cultura e lingua galega, alén do cumprimento do noso obxectivo evidente e fundamental de formar profesionais e investigadores que permitan o desenvolvemento económico e social do país.

A visión crítica e aberta que temos da nosa xestión permítenos adaptar as nosas propostas aos cambios constantes que se producen na sociedade e ás demandas da nosa comunidade universitaria. Estamos a vivir tempos con novos desafíos tecnolóxicos, económicos, sociais e do saber aos que dar resposta. Na Universidade da Coruña, como universidade pública, temos a obriga non só de adaptarnos senón de liderar eses cambios.

Para iso agora propoñemos un Programa renovado, coherente e realista de expansión para unha universidade que medra, Sumamos ideas e sumamos persoas.

Sumamos ideas para o estudantado como son:

·         Manter e se é posible incrementar a porcentaxe de fondos de axudas destinados aos estudantes.

·         Apoiar o mantemento das tasas de grao e impulsar a igualación das tasas de todos os mestrados ao graos.

·         Incrementar o número de aulas de traballo eo seu horario.

·         Impulsar o laboratorio de participación para fomentar a comunicación e participación por todos os medios posibles. Fomentar e mellorar a plataforma UDCDecide.

·         Continuar coas actuacións sobre empregabilidade e fomento do emprendemento entre os estudantes: programas e foros de melloras das competencias neste tema.

Sumando Ideas para o profesorado:

·         Acadar a estabilidade nos procedementos de promoción das distintas figuras de PDI.

·         Avanzar coas estratexias fundamentais de captación de talento, garantindo as expectativas de estabilización do profesorado interino.

·         Promover a través da CRUE medidas que faciliten uns procesos de acreditación do profesorado racionais e acordes coa realidade científica de cada ámbito.

·         Converxer, en liña co borrador de Estatuto do PDI, redefinindo a dedicación máxima á docencia tanto de profesorado estable como interino.

Sumando Ideas para o Persoal de administración e servizos:

·          “PAPEL 0” na tramitación burocrática da Universidade da Coruña: consolidarase no primeiro semestre do ano 2020 coa implantación do Repositorio Documental Centralizado, coa integración do portafirmas electrónico. Diminuirase de esta maneira a carga de xestión económico-administrativa.

·         Publicar un Mapa de Competencias dos postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos no primeiro trimestre do ano 2020.

·         Elaborarase unha nova relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos no ano 2020, fundamentada nos principios de eficiencia e profesionalidade e que atenda ás necesidades da universidade e as continuas  modificacións normativas e funcionais.

Sumando Ideas na docencia:

·         Revisar, e actualizar e proponer nova oferta formativa asociada ás áreas de especialización dos Campus da UDC.Implantación do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía no curso 2020-2021. Completar o acceso ao conxunto da oferta académica da UDC a prezos públicos, pasando a impartirse o Grao en Turismo nun centro propio da UDC.

·         Incentivar a incorporación de novos graos ao Programa piloto de docencia en galego nos graos do SUG. Implantar os Graos Abertos dentro do programa piloto da Xunta de Galicia.

·         Dotar á UDC dun plan específico de captación de estudantes de grao e mestrado, á vez que se impulsan os títulos internacionais e os dobres títulos.

·         Mellorar a eficacia da xestión dos programas de doutoramento simplificando os procedementos e alixeirando a carga burocrática aos coordinadores e comisións académicas. Implantar un sistema en liña de nomeamento e actuación de tribunais de teses.

Sumando Ideas en Investigación:

·         Consolidación e mellora do programa de captación de talento InTalent coa empresa Inditex unido este programa  a un proxecto Cofund do H2020, o proxecto Intalent2025, que posibilitaría duplicar as axudas e conseguir que estes investigadores Intalent conten tamén co selo de Investigadores Marie Curie.

·         Crear unha oficina de proxectos internacionais, Oficina Europa, que promoverá a participación de investigadores da UDC en convocatorias internacionais, nomeadamente nas da Unión Europea, como o Horizon 2020 e nomeadamente no novo programa marco Horizonte Europa.

·         Implementar toda a tramitación electrónica para a xestión de convocatorias e procedementos ligados a Investigación, como é todo o relativo a modificación e actualización do catálogo de grupos, unidades e axudas a investigación.

·         Creación da Unidade de Apoio a Investigación para optimizar os recursos administrativos de apoio a investigación e a xestión dos proxectos de investigación.

Sumando Ideas na Internalización:

·         Promover a internacionalización de todos os servizos e dos Centros, reforzando os servizos internacionais.

·         Procura de financiamento externa para fomentar mobilidades a Latinoamérica.

·         Aumento do estudantado estranxeiro regular. Seguimento e apoio concreto.

·         Seguir a mellorar a promoción exterior da UDC mediante unha planificación conxunta de toda a comunidade.

Sumando Ideas na Responsabilidade:

Temos un compromiso activo co feminismo, liña estratéxica desde hai anos. Traballamos pola igualdade de homes e mulleres e contra calquera discriminación ou acoso por razón de xénero ou de orientación sexual, máis cando hoxe estamos a celebrar o Día contra a violencia de xénero,

·         Creamos a Vicerreitoría de Igualdade para coordinar os distintos axentes como o Centro de Estudos de Xénero e Feministas e REDE coas actividades da Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX).

·         Visibilizar a Normativa de Igualdade e os Protocolos de Acoso entre os integrantes da comunidade universitaria.

UDC saudable:

O coidado do medio ambiente e a sustentabilidade así como a promoción dunha vida saudable son obxectivos da nosa responsabilidade social.

·         Creación dun Aula de Ocio Saudable e Tempo Libre en cada campus.

·         Creación de Área de Dietética e Nutrición para desenvolver os criterios de alimentación equilibrada da Rede Española de Universidades Saudables nas cafetarías.

Sumando Ideas na Xestión:

·         A nosa proposta ten un compromiso decidido coa xestión burocrática áxil e dilixente e respectuosa cos dereitos da comunidade universitaria na prestación dos servizos electrónicos e no tratamento dos datos persoais.

·      Consolidación do respositorio documental centralizado, coa integración do portafirmas electrónico, permitirá avanzar na eliminación do papel como soporte da burocracia administrativa e de xestión económica. A revisión dos procedementos da administración electrónica ten que facilitar a necesaria simplificación da carga burocrática.

·         Afondaremos na mellora da seguridade dos servizos electrónicos que presta a universidade e no respecto ao dereito fundamental á privacidade mediante a implantación e certificación dun sistema de xestión da seguridade da información aliñado cos requirimentos do Esquema Nacional de Seguridade e da Lei de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Sumando Ideas para a expansión:

A Universidade da Coruña está preparada para asumir novos retos que dean resposta ás necesidades da sociedade, pero tamén ten a capacidade de adiantarse ás futuras demandas tanto de formación, como de investigación e de transferencia de resultados. Para isto, precisa novos espazos que están en proxecto. A UDC medra en títulos, en retos e polo tanto, expándese proxectándose cara as cidades da Coruña e Ferrol. Con proxectos xa definidos, a UDC afronta a súa maior expansión dos últimos anos.

Cidade das TIC.

Proxectamos a creación dun polo de investigación, formación e innovación tecnolóxica especializado nas instalacións da antiga Fábrica de Armas onde convivan grupos de investigación e centros tecnolóxicos universitarios relacionados co sector TIC con empresas dun dos sectores con máis futuro do país. Ademais da creación de numerosos postos de traballo a Cidade das TIC fará de Galicia un referente do sector.

Centro de Investigación de Industria Intelixente.

Construirase un novo edificio no Campus de Ferrol, nunha parcela adquirida a Defensa, que permitirá instalar diversos servizos universitarios, entre eles o Centro de Investigación de Industria Intelixente, un centro de investigación especializado en industria 4.0. En ese edificio situarase a sede principal do Campus Industrial así como a UMI Estaleiro do futuro da UDC e Navantia para desenvolver o estaleiro 4.0. Ademais adaptaremos Residencia de Batallóns, en Esteiro, para servizos e instalacións universitarias.

Vislumbramos un futuro moi enriquecedor para a Universidade. Proxectos como a Cidade das TIC e o Centro de Industria Intelixente, farán da UDC un referente potenciando a investigación, internacionalización e transferencia dos nosos investigadores. Pero este proxectos sobrepasan o ámbito da universidade para ser proxectos de cidade e de pais, que acometemos por responsabilidade coa sociedade e que nos proxecta como un axente social e económico de primeiro orden da nosa comunidade. Proxectos que xa son unha realidade pero que veremos consolidados e que darán os seus mellores froitos proximamente como os campus de especialización: o Campus Industrial, o Campus Sustentabilidade e o Campus Innova. Especializacións que se basean nas fortalezas da Universidade e que abranguen moitas e variadas competencias. Pero a Universidade da Coruña non é so tecnolóxica, senón que presenta fortalezas en todas as súas áreas de coñecemento. Recentemente os ránkings internacionais veñen de situar á Universidade da Coruña como unha das mellores do mundo na área de Artes e Humanidades. As Humanidades son a base do saber. Seguiremos loitando porque as Humanidades ocupen un lugar transversal e básico na nosa universidade.

Hai catro anos a comunidade universitaria: profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos, deume a súa confianza para que fose o Reitor da Universidade da Coruña, a máxima honra que pode ter un profesor. Hoxe volvo pedir a súa confianza para seguir a defender un modelo de universidade pública, galega e de calidade; que estea financiada con fondos públicos suficientes, na que se facilite o acceso ao estudantado e sexa innovadora para liderar o cambio social desde o principio de igualdade e xustiza social”.

 

Julio Abalde

Candidato a Reitor da Universidade da Coruña 2019

O programa completo pode consultarse en https://julioabalde.udc.gal/sumando-ideas/

 

Cerrar menú