Abalde agradece o apoio recibido na súa comparecencia como reitor electo
Abalde compareceu co que será o seu equipo de goberno

Abalde agradece o apoio recibido na súa comparecencia como reitor electo

O xa reitor electo, Julio Abalde, compareceu onte na Sala de Prensa da Reitoría, logo de que o secretario Xeral, Carlos Aymerich, dese conta pública dos resultados das eleccións a Reitor da Universidade da Coruña que concluíron coa vitoria de Abalde co 70% dos votos.

Julio Abalde pronunciou ante os numerosos medios de comunicación presentes así como ante o candidato da oposición, Fernando Martínez Abella, e membros de ambas as dúas candidaturas un discurso de agradecemento que transcribimos íntegro.

“En primeiro lugar, quero dar os parabéns a toda a Universidade da Coruña, ao profesorado, ao estudantado e ao persoal de administración e servizos que cunha alta participación deron un exemplo de comportamento e demostraron que cando se conta con eles e se presenta un proxecto atractivo e ilusionante se implican e participan. Grazas a todos os sectores nos que conseguimos uns magníficos resultados que certifican que o labor deste equipo de goberno é recoñecido pola nosa comunidade universitaria. Moitas grazas pola vosa confianza!

Quero dar un agradecemento moi especial aos compañeiros e ás compañeiras de Nova Luce e ao equipo de goberno, polo traballo desenvolvido durante estes catro anos, especialmente nos intensos días de campaña. Durante este catro anos traballamos escoitando á xente, consensuando as nosas propostas de goberno, defendendo e axudando aos nosos colectivos e abrindo a nosa universidade á sociedade. Esta é unha vitoria colectiva, a vitoria dun modelo de Universidade, dun xeito de entender o goberno, un goberno aberto, transparente e participativo, que propicia o debate e a crítica. Quero dar un recoñecemento moi especial a dúas persoas que non nos acompañarán nesta nova aventura, Araceli Torres e Marga Amor. O seu traballo, a súa colaboración, quedará sempre marcada na historia desta universidade e no corazón deste equipo. Non quero esquencer dar as grazas especialmente a quen durante este tempo foron a sombra, o consello, a mesura e o apoio necesario, que supliron moitas das ausencias deste reitor por mor das miñas responsabilidades adquiridas a nivel nacional: Mariló e Teresa. Elas permitiron que hoxe chegaramos ata aquí e, como non, a Concha, apoio imprescindible.

Quero ter tamén unhas palabras de afecto e recoñecemento para Fernando Martinez Abella, polo ton constructivo que lle deu tamén á súa campaña. Somos universitarios, todos buscamos o mellor para a institución e convídoo a seguir aportando ideas, propostas e a colaborar para conseguir o mellor para a UDC. Como en casos anteriores, demos un exemplo a cidadanía de respecto e cordialidade desde a discrepancia. Fernando, a partir de mañá temos pendentes un café ou caña e espero contar co teu apoio leal para o ben da nosa universidade.

Renovamos o confianza da UDC no noso equipo, desde xa comenzamos a seguir traballando con todas e todos para seguir mellorando a nosa universidade e poñendo ás persoas -profesorado, persoal de administración e servizos e estudantado- no centro de nosa acción de goberno. Como reitor, as miñas prioridades seguirán sendo: a defensa do ensino público de calidade e galego. Temos que traballar para mellorar as condicións laborais do noso plantel e o desenvolvemento da carreira profesional dos traballadores da UDC: PDI e PAS. Temos que seguir prestando atención ao noso estudantado, dun xeito preferente a aqueles que teñen problemas económicos para acceder e permanecer na universidade; e dinamizar a participación de todos os colectivos da UDC, especialmente ao estudantado. E, por suposto, continuar a mellorar a docencia, a investigación, a transferencia e a internacionalización. Pero temos que ser unha universidade innovadora e responsable, como xa o somos. A transparencia, o bo goberno, a responsabilidade, a sustentabilidade, a loita pola igualdade e contra o cambio climático teñen que ser o cerne de nosa acción de goberno.

Temos por diante unha nova lexislatura. Esperamos ter nuns días un novo goberno no estado español. Os vindeiros catro anos suporán un tempo de definición e deseño do marco futuro en que se desenvolverán as universidades. A nova lei de Universidades, o novo decreto de Titulacións, de Bolsas ou o Estatuto do PDI, entre outros, marcarán o futuro da nosa universidade. Partimos dunha experiencia de catro anos e dun intenso coñecemento da situación actual do Sistema Universitario Español e Galego. Poremos todo o noso empeño en axudar, desde a UDC, á Xunta, ao Ministerio e a CRUE, na que a nosa presenza é moi activa, para conseguir as mellores condicións para o Ensino Superior no noso país.

Unha victoria nunca é un punto de chegada, mais neste caso que xa temos percorrida a metade do noso camiño, senón que estas eleccións supuxeron unha parada para analizar o que está feito e deseñar o que queda por facer. Seguiremos a traballar escoitando a todos e a todas para que Sumando Ideas poidamos liderar a sociedade do futuro con proxectos como a Cidade das TIC ou o Centro de Investigación en Industria Intelixente. Agora a seguir traballando.

Por último, quero agradecer ao magnífico equipo de mulleres e homes que me acompañarán nesta viaxe. Moitas grazas pola vosa implicación e renuncia a unha situación máis cómoda.

Moitas grazas a todos e a todas polo voso traballo e apoio!”

Cerrar menú